A Escola de Música Moderna de Mazaricos celebra este sábado o festival de Fin de Curso

O Auditorio da Casa de Cultura da Picota, no Concello de Mazaricos acollerá este sábado, 20 de xuño, o tradicional concerto de fin de curso da Escola de Música Moderna de Mazaricos, unha cita xa consolidada no calendario cultural local. A actuación, que terá lugar ás 16:00 horas, reunirá ao alumnado e ao profesorado nun peche festivo e musical do curso.

Tras meses de aprendizaxe, ensaios e traballo colectivo, chega o momento de que as e os estudantes suban ao escenario e compartan co público os avances acadados ao longo do ano. O concerto incluirá diferentes actuacións preparadas nas aulas, cun repertorio variado e adaptado ás idades e niveis do alumnado.

Unha cita que serve para renivindicar o papel da Escola de Música Moderna, infraestrutura que forma parte da oferta cultural municipal e contribúe a fomentar a creatividade, a convivencia e o acceso á formación artística no rural, reforzando o compromiso do Concello cunha programación cultural estable e accesible para toda a veciñanza.