En marcha o pioneiro I Ranking de Pádel Municipal de Mazaricos
O Concello de Mazaricos, en colaboración co Mazaricos Fútbol Clube, pon en marcha o I Ranking de Pádel Municipal, unha innovadora competición que se desenvolverá dende outubro de 2025 ata maio de 2026. A iniciativa busca fomentar a práctica deportiva entre a poboación adulta cun formato flexible e adaptado a todos os niveis.
O ranking, que se disputará na pista de pádel da Picota e que está aberto a todas as persoas interesadas e a todo tipo de parellas (femininas, masculinas ou mixtas), funcionará mediante un sistema de ligas con ascensos e descensos, organizadas en función do nivel das parellas. Como principal novidade, as parellas participantes poderán acordar libremente as datas e horarios dos partidos, facilitando a conciliación da vida persoal e laboral coa práctica deportiva.
Inscricións e custos
As parellas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 15 de outubro a través do teléfono 652 095 788. A taxa de participación está establecida en 30€ por parella, que dará acceso a toda a temporada de competición e á gran churrascada final.