Mazaricos acolleu a súa VIII BTT pondo novamente en valor as súas paisaxes e medio natural

O Monte Pindo de telón de fondo

A oitava edición da BTT “Os Picos de Mazaricos. Da Ruña ao Aro” celebrouse esta mañá congregando preto de 150 ciclistas para desfrutar das dúas rutas da proba deste ano. A BTT, de carácter non competitivo e cronometrada, partiu do pavillón polideportivo ás 9:30 e desenvolveuse durante aproximadamente tres horas en dous trazados, de 40 e 50 km respectivamente, que atravesaron puntos emblemáticos do concello como a Pontenova, o alto da Ruña ou o monte Aro.

Un ano máis, as persoas participantes compartiron uns petiscos no pavillón ao remate da proba. Dende o Concello de Mazaricos agradécese a participación de todas e todos os deportistas, así como a colaboración das persoas que fixeron posible outra exitosa edición da BTT, incluíndo o grupo de Protección Civil de Mazaricos.