A Música de Costa de Marfil chega á igrexa de Santa Baia de Chacín
O grupo Ayidissa, chegado desde Costa de Marfil, actuará este xoves ás 20:30 horas na igrexa de Santa Baia de Chacín. A actividade, organizada en colaboración coa ONG Égueire, forma parte dun programa de intercambio cultural que busca achegar á veciñanza a diversidade musical e artística do país africano, ao tempo que visibiliza proxectos de cooperación en marcha na rexión marfileña.
Ayidissa é unha formación vocal e musical que destaca polas súas polifonías tradicionais, o uso da percusión africana e unha posta en escena chea de enerxía, ritmo e participación. As súas actuacións caracterízanse por unha forte conexión co público, que responde á intensidade dos cantos e das coreografías sen necesidade de compartir idioma.
A ONG Égueire, mantén desde hai anos proxectos de cooperación en Costa de Marfil, entre eles a construción dunha maternidade que contribuíu a reducir a mortalidade de mulleres e bebés. A xira de grupos musicais como Ayidissa permite reforzar estes lazos culturais e dar a coñecer o traballo solidario que se desenvolve no país africano.
A entrada será de balde.