As obras de Mazaricos, por empresas de Mazaricos

Imaxe do CEIP do Pino do Val, que se transformará nunha residencia de maiores que será xestionada con xentes da vila

O Concello de Mazaricos quere manifestar o apoio ás empresas locais con feitos. Así, o 90% dos contratos menores para a realización de obras en espazos municipais, nomeadamente vías e camiños, están recadando en emrpesas cuxa sede se atopa no propio concello mazaricán.

“Facémolo así porque consideramos que a administración local debe dar exemplo á hora de traballar con empresas de proximidade”, sinala o alcalde, Juan Blanco.

Do mesmo xeito, o alcalde lembra que mesmo no caso de empresas e persoas autónomas cuxa sede social non se atopa en Mazaricos pero prestan servizo municipal, “este servizo é prestado en moitos casos por veciñas e veciños do concello”.

Tamén no desenvolvemento dunha residencia de maiores en Pino de Val, o Concello optou por un modelo de servizo que permitirá promover a contratación de persoas que residen en Mazaricos para ocupar os postos de traballo directos de nova creación.
“Nós consideramos que a prestación de servizos, xa sexan obras, atención social ou de calquera outro tipo dentro das competencias municipais, é unha oportunidade en dous sentidos: para ofertar o mellor servizo ás e aos usuarios e para dinamizar a economía local e dar oportunidades laborais á veciñanza”, resume o alcalde.