Protestan polos continuos cortes de luz na zona de Mazaricos

Viraventos por Paxareiras

O grupo municipal de Espazo Común Mazaricos alza a voz de xeito contundente ante a grave e persistente  problemática dos cortes de subministro eléctrico que azoutan o noso concello, mesmo en xornadas de bo tempo e só con "un pouquiño de aire".

"Non é asumible nin se pode tolerar que Mazaricos, un concello que contribúe de maneira significativa á rede eléctrica galega e estatal como produtor de enerxía (hidráulica e eólica), padeza unha deficiencia tan flagrante e recorrente no servizo eléctrico", denuncian dende o grupo. "Estamos a falar dunha burla á cidadanía e un exemplo de neglixencia que afecta gravemente o día a día da veciñanza, os negocios e, especialmente, o noso sector gandeiro vital. Os cortes de luz non son só unha molestia, son un prexuízo económico e social de primeira magnitude".

O grupo pon o foco na afectación ao "sector gandeiro, piar da nosa economía local, está sendo o máis castigado". "Hoxe en día, as explotacións
dependen fundamentalmente da electricidade para o seu funcionamento. Os sistemas de muxido robotizado e a maquinaria esencial quedan paralizados. Estes fallos intermitentes e prolongados poden levar ás nosas gandeiras e gandeiros a perdas económicas cuantiosas e irrecuperables, afectando a saúde animal e a calidade dos produtos".

Desde Espazo Común Mazaricos, sinalan "directamente aos responsables do subministro eléctrico e á clase política, tanto local como autonómica, por esta situación insostible"