Tempada de récord no campo de tiro de Mazaricos, que acada xa as 300 tiradas

O campo de tiro de Mazaricos, localizado en Pino de Val, rexistrou xa 300 tiradas dende que abriu a tempada o pasado mes de maio. Estas cifras igualan as rexistradas durante toda a tempada do ano pasado, entre maio e setembro de 2022. Confirman, xa que logo, o crecemento no uso destas instalacións, únicas en Galicia por tratarse do primeiro campo de tiro público do país.

O presidente do Club de Tiro, José Manuel Santiago, amosa a súa satisfacción. “A afluencia multiplicouse este ano, e estase creando moita afección”, sinala. Actualmente, xa hai máis dunha trintena de persoas asociadas no club, fronte ás vinte do ano pasado. Ante o éxito dos últimos meses, están a organizar incluso unha pequena liga e varias tiradas para incrementar a relación social entre os afeccionados, na que participan tiradores de Mazaricos e dos concellos da contorna, caso de Outes, Dumbría ou Noia.

O campo de tiro de Mazaricos abre todas as fins de semana e festivos entre maio e setembro. A tempada deste ano pechará na segunda quincena dese último mes. Actualmente, unhas trinta persoas de media están utilizando as instalacións cada fin de semana.

Para utilizar o campo de tiro, débese adquirir nalgún dos locais colaboradores a tarxeta de usuaria/o e escoller hora e data. Toda a información sobre o procedemento está recollida na páxina web municipal.