Unións Agrarias esixe solucións para os 170 gandeiros afectados pola quebra de Lácteos Pérez

Os non-pagamentos de Lácteos Pérez, produtora de queixos Xoven, acadan os 10 millóns de euros Despois de que o pasado venres o concello de Mazaricos dese a coñecer que a industria Lácteos Pérez, unha das poucas do sector que temos na zona, entraba en concurso de acredores producíronse varias repulsas desde os diferentes axentes sociais.  O sindicato Unións Agrarias mostrou tamén o seu posicionamento sobre o tema e esixe unha solución inmediata para os 170 gandeiros afectados polo concurso de acredores da empresa. Segundo indican dende os sindicatos, "os encontros que están a manter os responsables da organización agraria cos titulares das explotacións que sufriron os non-pagamentos da empresa, que neste intre acadan xa os 10 millóns de euros, estase a recoller toda a información e documentación necesaria para iniciar por vía xudicial a recuperación dos pagos pendentes". Unións Agrarias mantén unha liña de traballo aberta cos gandeiros afectados das comarcas de Barcala, Xallas, Vimianzo e Muxía para procurar a maneira máis operativa de cara a liquidar as cantidades que lles adebedan. Así como para que poidan acceder ás axudas de mínimos habilitadas polo Ministerio para as explotacións lácteas en crise, posto que neste momento o feito de ter unha obriga de pagamento, de difícil cobro, incapacita ás explotacións a entrar no reparto dos citados fondos. A responsabilidade da administración  UUAA informa os afectados sobre a posibilidade de esixir á administración galega responsabilidades neste asunto xa que desde as consellerías de Medio Rural e Economía xa se sabía como estaban as contas de Lácteos Pérez desde marzo e, con todo, deulle cobertura legal e apariencia de estar saneada, ao non impedir o proxecto de fusión que están levando a cabo Icos, Lasurgal e XesGalicia e do que caeu Lácteos Pérez por outras irregularidades que se atoparon. "Do mesmo xeito, sabía que a empresa non estaba pagando aos 30 días como obriga a lei e non fixo nada" indica a organización sindical. Finalmente para Unións Agrarias esta situación de impunidade na que viven algunhas empresas ante as débedas cos gandeiros debe mover as distintas administracións a modificar o marco legal, tal como ten denunciado reiteradamente o sindicato, para que non sexan sempre os gandeiros os “paganos” dos erros de cálculo das empresas e a falta vontade política da Xunta e o Ministerio. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • UUAA