Adisbismur leva a súa maxia de Nadal de Mazaricos a Muros

Imaxe do Festival de Adisbismur en Mazaricos

Ben fermoso o Festival que leva a asociación ADISBISMUR de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros pola comarca. Esta pasadda fin de semana levou a súa arte por Mazaricos, facendo rir a un auditorio cheo, e este domingo, 21 de decembro, ás 17.00 horas, fará o propio na Casa da Cultura de Muros.

O festival nace coa vontade de reunir á veciñanza para gozar dunha tarde de lecer e convivencia, ao tempo que se pon en valor o traballo e a creatividade das persoas profesionais e usuarias do centro de atención diúrna de Valadares. O público poderá gozar dun programa variado con actuacións de teatro, música, baile e humor.

Unha das obras do Festival de Adisbismur en Mazaricos

A entrada ao evento será un donativo de 5 euros, que permitirá ás persoas asistentes colaborar coa actividade da entidade e apoiar iniciativas que fomentan a inclusión social das persoas con discapacidade.

O XV Festival de ADISBISMUR conta coa colaboración do Concello de Muros e das empresas Eroski, Gadis e Cárnicas H. Pena, que fan posible a celebración deste encontro cultural e social aberto a toda a cidadanía.