Campaña en Muros para convidar á «Gozar da praia sen deixar pegada»
Interesante iniciativa a que veñén de poñer en marcha Afundación e a Agrupación de Marisqueo a pé da Confraría de Pescadores de Muros. O paseo da Praia do Castelo de Muros inauguraron onte a campaña «Goza da praia sen deixar pegada», que se desenvolve en colaboración co Concello de Muros. Unha campaña para poñer en valor o traballo do marisqueo e aprender a convivir con respecto a estes ecosistemas e as especies que habitan neles, co fin de evitar alteracións que poidan afectar tanto ao seu equilibrio como ao propio medio de vida destas traballadoras do mar.
O colectivo de mariscadoras de Muros encargarase da difusión das boas prácticas a pé de praia, entregando aos turistas cinceiros portátiles, para evitar que se enterren ou se deixen cabichas sobre a area, e bolsas reutilizables coa mensaxe da campaña, animando a recoller lixos mariños durante os paseos de lecer polo areal.
Paralelamente á campaña informativa, instalouse na contorna da Praia do Castelo unha exposición con tótems informativos sobre a práctica marisqueira, o valor da biodiversidade e distintos consellos e boas prácticas sobre o uso recreativo dos areais.
Empregar cremas de protección solar respectuosas cos océanos e aplicalas como mínimo media hora antes do baño, non mover ou voltear pedras de tamaño medio, non deixar cabichas enterradas ou sobre a area, ou non deixar lixo nas praias, son algunhas das sinxelas prácticas que repercutirán sen dúbida en beneficio do medio e de todas as persoas usuarias das praias, tanto as que as empregan de maneira recreativa como das que desenvolven nelas a súa actividade profesional.