As embarcacións tradicionais foron un dos grandes focos patrimoniais do Muros Mira ao Mar

A implicación social da veciñanza é o meirande poder do Muros Mira ao Mar. Pero precisamente o mar muradán conta cuns protagonistas moi especiais. Durante tres intensos días os barcos tradicionais puideron lucir as súas fasquías,

Nesta XXI edición, invitadas pola A.C. Mar de Muros, participaron un total de 23 barcos e máis de 80 tripulantes procedentes das distintas asociacións federadas en Culturmar. Bucetas, canoas e lanchas xeiteiras típicas da ría, así como do emblemático galeón Abelleira, barco construído na década dos 40 do pasado século e que ten, polo tanto, cunha enorme historia que contar.

Todo este patrimonio, que se vén mantendo co esforzo das asociacións e, no caso de Muros, co apoio do Concello e da Deputación Provincial da Coruña, precisa con todo dunha maior implicación por parte das institucións públicas. En particular, é obrigado darlle un apoio moito máis decidido ao galeón Abelleira, un barco que polas súas dimensións precisa dun alto investimento para o seu mantemento e dinamización. De igual xeito, é tamén necesario dotar á Mariña Tradicional de Muros - Mardevelas de espazos en terra onde as asociacións que traballan na cultura mariñeira poidan desenvolver o seu labor de dinamización e as súas actividades, concibidos como un centro auténtico cultural polivalente dirixido á actividade arredor da cultura mariñeira da vila e da ría.

A Asociación Cultural Mar de Muros é membro fundador destas xornadas de cultura mariñeira e participa de xeito habitual nos labores organizativos formando parte do Comité Organizador, á vez que organiza a exhibición da frota tradicional acollendo embarcacións e tripulantes procedentes de diversas localidades galegas e pertencentes ás asociacións irmás federadas en Culturmar, coas que mantén unha estreita colaboración. O fin da asociacións é a salvagarda do rico patrimonio mariñeiro da nosa ría, así como da cultura das xentes do mar, para o cal desenvolve durante todo o ano un programa de actividades arredor da nosa frota, que inclúen a navegación e máis tamén as técnicas de mantemento dos barcos e moitas outras actividades. Máis información en www.mardevelas.gal.

Agora, xa zarparon da Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas cara aos seus portos base esperando volver o verán que vén.