Os “Fariña” de Esteiro doan o seu premio de Entroido á Fundación Érguete

Os Amigos de Esteiro disfrazados de Fariña, unha das fotos máis virais do entroido galego

Este pasado Entroido, unha das imaxes máis virais que se produxeron tivo lugar en Esteiro. O grupo amigos “Branha Shore”, que se xuntan dende fai oito anos para disfrazarse e disfrutar do Sábado de Entroido esteirán, escollían este curso a temática da serie “Fariña”. Foi un día especial, no que se xuntan moitos que viven fóra, e poden disfrutar da súa terra.

Pero ademais, os traballados disfraces, representando aos principais narcos, gardas civís, e nais contra a droga, causaron sensanción en todo o país. “Tal foi a repercusión da nosa posta en escena, que decidimos participar no Rally París Dakar de Noia, no que acadamos o premio á Simpatía dotado con 300 €”, explícanos Álvaro Creo, un dos armadanzas da iniciativa.

”A nosa idea sempre foi e será a de xuntarnos todos e pasar un día entre amigos, cervexas e un bo cocido, o premio nunca foi un obxectivo”, explica. “Foi por isto que decidimos, doar estes 300 € á Fundación Érguete, que naceu como un movemento social das nais contra a droga. Entendemos que é o mellor destino para este premio, un recoñecemento a súa labor e a de todas as nais que loitan contra a lacra das drogas”.

Fantástica así a demostración de compromiso deste grupo de amigos, deixando claro que “a nosa intención, é poñer de manifesto, que non se debe confundir a ficción coa dura realidade, que o entroido é precisamente unha imitación crítica e divertida da realidade, que os narcos non son heroes e as que sufren son realmente as nosas nais, que existe unha alternativa de ocio real incluso nunha vila pequena e sen recursos como é Esteiro”.

Por iso, dende Esteiro invitan á Fundación a visitar a vila para continuar traballando en materia de prevención e a concienciación a nivel local. 
​Unha Fundación Érguete que precisamente comezaba a súa andaina de apoio a persoas en proceso de excarceración en Carballo a semana pasada.


Carmen Avendaño, presidenta da Fundación, e unha das "Nais Coraxes" máis coñecidas do estado, recibindo a doazón da man de Álvaro Creo

 

Novas relacionadas