Esta fin de semana chega o 'Muros Mira ao Mar'

Mercado, concursos, obradoiros, visitas guiadas, showcookings, exposicións... son algunhas das actividades - todas vinculadas ao mar - que nos ofrecen as XX Xornadas de Cultural Mariñeira "Muros Mira ao Mar" que se celebra este venres, sábado e domingo.

Durante a presentación do cartel, a alcaldesa, María Lago, destacou “a implicación de novo do tecido asociativo local e da veciñanza”, mentres que Caridad González, concelleira de Cultura e Turismo, resaltou “a traxectoria destas xornadas durante 20 anos, ata ser xa unha referencia en Galicia ”. Pola súa banda, a concelleira de Lingua,
Festexos e Promoción Económica, Laura Rivadeneira, lembrou que “a realidade é que Muros mira ao mar todo o ano, aínda que nestes días compartimos a nosa esencia con toda a veciñanza e os que nos visitan”.

O venres,  haberá concerto da ESMU, maxia, o conxuro da queimada e máis música polas rúas e prazas de Muros.
O sábado, circo, teatro e música con 9Louro e Susana Seivane, entre outros.
O domingo será o fin de festa co Festival folclórico coa AF Ximiela, AC Ponte Vella, Grupo de música tradicional de Outes, As Carameleiras do Tremuzo e AC Princesa Dácil.