As mariscadoras de Muros tamén limpan os seus areais
Máis de 20 persoas participaron na mañá sabatina nunha xornada de voluntariado ambiental nas praias de Cabanas, Area do medio e O Seixal, en Muros. Unah cita que serviu para arrincar a sexta edición de PLANCTON, o proxecto de actuación e sensibilización ambiental desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro.
As mariscadoras de Muros e o voluntariado de ABANCA e Afundación traballaron na limpeza dos tres areais, distribuídos en varios grupos, entre as 11 e as 14.00 h. Ao final da xornada, e unha vez concluídas os labores de identificación e clasificación dos residuos, a balanza reflectiu un total de 385 quilos de lixo mariño retirados dos tres areais.
Entre os obxectos recolleitos atópanse 100 bastonciños dos oídos, 5 xoguetes de praia, 2 cepillos de dentes, 3 chisqueiros, pallas, latas ou distintas pezas de roupa e calzado.
Durante a xornada, o voluntariado localizou tamén residuos vinculados á actividade pesqueira como 236 tarugos de batea, 4 pneumáticos, máis de 150 cordas e cabos, 50 nasas ou 60 quilos de madeiras tratadas.
Especialmente significativa é a cifra retirada de biosoportes de depuradora, 1895 en total. Estas pezas de plástico con forma de roda usadas para tratar augas residuais convertéronse nun residuo que prolifera cada vez máis na costa atlántica. Tamén se localizaron outros obxectos, que non adoitan atoparse neste tipo de accións de recuperación ambiental, como un valo de separación de carrís, cartuchos de caza, un chaleco salvavidas ou unha pelota de golf.
Máis novas