Muros afronta unha nova semana teatreira homenaxeando a Pico

A VIII Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros chega ao seu ecuador, unha vez que remata . E nesta VIII edición da Mostra de Teatro Xosé Agrelo quere lembrar a inesquecible figura do noso veciño, X.Manuel Oliveira "PICO", sen dúbida un dos actores máis sólidos do teatro galego de todos os tempos.
A traxectoria de "Pico" abrangue toda interpretación, o teatro , o cine e a televisión, onde brillou con luz propia e acadou grande éxito de crítica e público.
O actor esteirán exemplifica o paso do teatro amador ao teatro profesional , o autodidactismo característico dunha xeración que asentou o teatro dentro da cultura galega. A el debémoslle as mellores veladas de teatro por todo o país, fosen traxedias ou comedias.

Así, cada función representada levará un pouco de Pico, lembrando dun xeito especial esta sobranceira persoa do mundo da escena, que nos deixou o pasado ano.

Novas semana de teatro

Durante esta semana, coa Mostra pasando polo seu ecuador, poderase gozar de espectáculos como “O Principiño”, “Aurora”, “A muller que comezou a contar até dez…” e “Xango”, pensando en todos os públicos.

Mércores 7 de maio, 10:30 h e 18:30 h. O. DE T. RICARDO TOBÍO DE ESTEIRO: “O Principiño”.
Directora: María Louro.
Elenco: Cecilia Pillado Brea, Ainhoa Morillo Vázquez, Hugo Caamaño Piñeiro, Lucía Fernández Beiro, Ana Romero García, Carmen Sendón Pais, Itahisa Brea Portals, Carlos García Mayo, Sara Maceiras Formoso, Clara Martínez Caamaño, Diego Nogales Caamaño.
O primeiro pase está destinado aos escolares e o segundo, ás 18:30 h, é de entrada libre para tódalas persoas que queiran ver as novas xeracións do teatro muradán.

Xoves 8 de maio, 10:30 e 12:00 h. ELEFANTE ELEGANTE: “Aurora”.
Autor, Dirección e Elenco: María Torres e Gonçalo Guerreiro.
Música: Mano Panforreteiro.
Sinopse: Este é un espectáculo musical que mestura teatro de actor e videocreación co desexo de afondar na experimentación de Elefante Elegante sobre linguaxes visuais. Aurora é a historia do encontro dun aviador coa raíña das curuxas.
Aínda que se trata de funcións escolares, se algunha persoa allea a comunidade escolar local queixera asistir, só tén que comunicalo previamente no Centro cultural de Muros.

Venres 9 de maio, 21:30h: TIK TAK TEATRO “A muller que comezou a contar ata dez e non parou”.
Dirección: Gustavo G. Dieste. Un barbancés profesional do teatro.
Elenco: Alicia Castelo, Fran Kanhotas, Clara Rei, Bruno Fernández, Brais Pedreira, Martín Parga, Enma Fernández.
Esta peza está destinada preferentemente a público xoven e adulto. A entrada custa 2,50 € e a recadación é para a compañía, a fin de axudar aos seus gastos de desprazamento.

Sábado 10 de maio ás 18:30 h. TALÍA TEATRO: “Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina”.
Xango é a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de todas as aventuras que viviu e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar. Os actores Toño Casais e Dani Trillo son os dous únicos protagonistas desta divertida historia, escrita por Diego Rei. Dirixido especialmente a un público a partir dos sete anos, Talía Teatro, igual que en espectáculos anteriores, elixiu un tema de actualidade co que pretenden facer reflexionar aos seus espectadores. Neste caso, sobre os usos e abusos do mundo cibernético.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).