Muros pon en marcha unha pioneira Escola Municipal de Debate e Oratoria nos centros educativos
O Concello de Muros, a través da Concellería de Ensino e Lingua, pon en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia: a primeira Escola Municipal de Debate e Oratoria, baixo o lema ‘O falar non ten cancelas’.
O programa está dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, tendo preferencia o alumnado matriculado en centros educativos de Muros, que están ilusionados coa iniciativa.
Haberá grupos diferenciados segundo a etapa educativa (máximo 16 e mínimo 8 participantes por grupo), cun número máximo de 48 prazas en total. As sesións terán lugar na antiga EEI Muros, os mércores de 16:00 a 20:30 horas (a distribución horaria concreta establecerase en función dos grupos formados).
Entre outubro e decembro haberá 10 sesións de hora e media, e entre xaneiro e xuño 2026 outras 19 sesións de hora e media.
O proxecto incluirá torneos de debate, encontros entre centros educativos e exposicións abertas á cidadanía, converténdose nun referente cultural e
educativo en Muros.
“Entre os beneficios para o alumnado está a mellora da expresión oral e non verbal; o fomento da confianza, autoestima e capacidade para falar en público; o desenvolvemento do pensamento crítico e da argumentación; a preparación para entrevistas, exposicións académicas e contextos profesionais, e a promoción do uso da lingua galega en contextos formais e informais”, explica a alcaldesa, María Lago, destacando tamén “que facilita a conciliación das familias dos alumnos e alumnas participantes”.
A concelleira de Ensino e Lingua, Laura Rivadeneira, engade que “trátase dun proxecto educativo innovador que busca desenvolver as destrezas
comunicativas da mocidade en lingua galega, fomentar o pensamento crítico e a capacidade de expresión en público, e consolidar espazos de reflexión arredor de temas de actualidade”.
Máis información e inscrición
A preinscrición é desde hoxe, 29 de setembro, e ata o 6 de outubro mediante un formulario. A matrícula, do 8 ao 10 de outubro, unha vez confirmada a praza. A cota mensual é de 20 euros por participante.
Podedes ver as bases e cubrir o formulario nesta ligazón.