Muros recupera as sesións de cine 10 anos despois

O Concello de Muros, a través da súa Concellería de Cultura, volverá a proxectar cine no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, recuperando así esta oferta cultural despois de máis de dez anos sen proxeccións cinematográficas regulares no municipio. 

Este regreso do cine faise posible grazas á adquisición dun proxector dixital profesional, financiado ao abeiro dunha subvención do AGADIC para a Modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, da que o Concello de Muros foi beneficiario xunto a outros 26 concellos de toda Galicia.



Proximamente comezará a programación de cine no Auditorio, con propostas para distintos públicos e idades. O obxectivo do Concello é converter o espazo nun lugar de referencia para a proxección audiovisual, tanto con filmes comerciais como con propostas culturais ou ciclos temáticos.