Novo éxito da Feira de Orientación do IES As Insuas

A UDC na Feira de Orientacion no IES As Insuas

Día especial o deste ventes no IES As Insuas. O centro muradán acollía a súa segunda edición da Feira de Orientación Académica e Profesional. Centos de alumnos e alumnas das comarcas de Muros e de Noia puideron coñecer as propostas educativas de ata 28 postos (dez máis ca o ano pasado) de centros educativos e organismos, que encheron o pavillón deportivo das Insuas, dando a coñecer unha ampla ofera académica e profesional para facilitarlle á rapazada a orientación de cara ao seu futuro laboral.

Os numerosos grupos de alumnado da contorna dos cursos superiores (4º ESO, bacharelato e ciclos de formación profesional), así como os profesores acompañantes, ficaron gratamente sorprendidos coa visita. O mesmo balance positivo fixeron as diferentes entidades participantes, pois tiveron ocasión de promocionar ante un público interesado a súa oferta educativa, tanto de formación profesional como de universidades e ensinanzas de réxime especial. Sen esquecer a alternativa das diferentes forzas de seguridade presentes, con despregue de vehículos incluído.

A dirección do instituto, en nome do seu persoal e alumnado, declarou que recibía con entusiasmo e agradecemento tanto os organismos expositores como o alumnado dos outros centros educativos, coa esperanza que sigan engrandecendo este encontro nos vindeiros anos.

Aproveitaron así mesmo para agradecer a colaboración loxística de Adisbismur e do Concello de Muros, que tamén tivo representación oficial. Completado este fito, o seguinte será a posta en marcha da semana cultural do instituto, na última semana deste mes.