O concello de Muros recupera o galego como lingua preferente na administración local
29 de febreiro de 2016 (13:39 h.)
O pleno do Concello de Muros acaba de aprobar un novo regulamento que recupera o uso do galego como lingua de uso preferente por parte da administración local. A iniciativa foi aprobada cos votos a favor de Compromiso por Galicia e do BNG, e as abstencións do PSOE e do PP.
“Trátase dun paso adiante na normalización da lingua galega”, destaca a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, de CxG. “O regulamento aprobado o que fai é promover e normalizar o uso do galego como lingua preferente, que non exclusiva, do persoal do Concello co público”, indica.
Segundo informa esta formación nun comunicado de prensa, en abril de 2013 o goberno daquela do PSOE eliminou o uso do galego como lingua preferente no Concello de Muros rachando o consenso logrado no ano 2001 cando se aprobou por unanimidade da corporación un regulamento que establecía o emprego da lingua propia de Galicia como de uso preferente.
A rexedora destaca que as críticas do grupo municipal do PSOE “son infundadas, xa que en ningún momento se prohibe o uso do castelán, nin se obriga ao uso do galego”. Así, suliña que o regulamento aprobado non só recupera o texto de 2001 senón que tamén incorpora os últimos cambios normativos en materia de normalización lingüística e de toponimia.
María Xosé Alfonso tamén destaca que o novo regulamento está a servir de modelo para outros concellos galegos, comprometidos coa promoción do uso da lingua galega por parte da administración local.
Fonte
- Nova do medio colaborador Galicia Confidencial.