Recta final para as obras de renovación integral da rúa Real de Muros
As obras de humanización e renovación dos servizos básicos da rúa Real avanzan a bo ritmo e comeza xa o terceiro e último tramo da actuación. Estes traballos contan cun orzamento de máis de 238.000 euros.
Para minimizar as molestias e garantir o acceso ás vivendas e negocios, a obra organizouse en tres partes ao longo da rúa. En cada unha delas realizouse o mesmo proceso: apertura de zanxa, renovación completa das redes e servizos (abastecemento, saneamento, pluviais, electricidade, telecomunicacións e alumeado), peche e pavimentación final.
Deste xeito, foise avanzando de maneira progresiva, reducindo o impacto no día a día da veciñanza.
“Unha vez rematados os dous primeiros tramos, comezamos xa o terceiro e último, no que executaremos as mesmas actuacións para completar a renovación integral deste tramo da rúa Real”, sinala a concelleira de Obras e Servizos, Laura Rivadeneira.
“Un proxecto importante que da resposta ás demandas da veciñanza; a rúa Real necesitaba estas obras de mellora no seu firme e os servizos, unha actuación que se fará respectando a contorna e as características do casco histórico”, explica a alcaldesa de Muros, María Lago.