Sons no Mercado: Praia do Castelo dinamizan o Mercado de Abastos de Muros cos concertos de Adhara & Ritman e Sonophobia

Este sábado arrinca o ciclo Sons no Mercado, unha iniciativa da ACRD Praia do Castelo, que conta co apoio do Concello de Muros e da Deputación da Coruña, que forma parte da programación cultural impulsada polapara activar o Mercado de Abastos de Muros como lugar de encontro, creación e música en directo.

A primeira cita será o vindeiro sábado  21 de febreiro, ás 19:00 horas, cando o Mercado de Abastos de Muros acolla un concerto no que participarán Adhara & Ritman e Sonophobia, dúas propostas musicais vencelladas á creación galega e á escena local.

Adhara & Ritman é un proxecto que canta no ghallegho da Costa da Morte e constrúe unha sonoridade aberta con base no folk rock, incorporando influencias do reggae. A súa música dialoga coa tradición popular galega e coa poesía de Rosalía de Castro, xunto con composicións propias, dando lugar a unha proposta emotiva e libre, pensada para conectar co público desde a palabra e a música.

Sonophobia é unha nova banda xurdida arredor da Sala Nasmo que bebe do rock estatal dos anos 80, cun son directo e cheo de enerxía, demostrando a vitalidade e a continuidade da escena musical muradá.

O concerto será de entrada mediante taquilla inversa, un modelo no que o público decide canto pagar unha vez rematada a actuación, segundo a súa experiencia e posibilidades económicas. Esta fórmula aposta por un acceso máis xusto e consciente á cultura, favorecendo unha relación directa entre público e artistas.

A cita servirá tamén para que a ACRD Praia do Castelo presente a nova dotación técnica de son, iluminación e acondicionamento acústico, recentemente adquirida para a mellora da sonoridade da sala, reforzando a aposta por condicións técnicas de calidade e pola consolidación do Mercado de Abastos como espazo cultural estable.

Máis citas do Sons do Mercado

O ciclo Sons no Mercado continuará nas semanas seguintes, mantendo o mesmo horario e formato. O sábado 28 de febreiro será a quenda das bandas A Pelo (tributo a Platero y Tú) e Lija y Terciopelo (tributo a Marea), nunha noite dedicada ao rock estatal que conecta diferentes xeracións de público. Pola súa banda, o sábado 7 de marzo o Mercado de Abastos abrirase ao jazz coas actuacións de Mirto e Amaro Sampedro Quartet, ampliando así o abano estilístico do ciclo.