Tradición, a música e a convivencia na romaría de San Marcos do Campo de Cortes
A asociación O Rumial de Campo De Cortes celebra este domingo 5 de xullo na contorna da capela unha nova edición da romaría de San Marcos, nunha xornada pensada para reunir veciñanza e visitantes arredor da tradición, a música e a convivencia.
A celebración comezará cun pasarrúas da Agrupación Folclórica Ximiela polo lugar, poñendo o ambiente festivo desde primeira hora e enchendo as rúas de música tradicional. Ás 13.30 horas celebrarase a misa na capela de San Marcos.
O programa inclúe un xantar popular, no que a organización pon un menú de empanada tortilla e churrasco, pero no que cada quen pode traer o seu xantar da casa, e que dará paso a unha tarde chea de animación coa actuación dos grupos Iwias, Estraloqueiras, Kikiribú e Os Tabernícolas do Leiradal, encargados de poñer a banda sonora á romaría.
Ademais, a organización tamén pensou nos máis pequenos, que poderán gozar de diferentes actividades ao longo do día, convertendo a cita nunha proposta para toda a familia.