Alba Castro e Luis de Camelle, os primeiros finalistas do Concurso de Monólogos
Viviu o Camping LagoMar a súa primeira semifinal do singular I Concurso de Monólogos. Unha ocasión magnifica para botar unhas risas e ir descubrindo o talento humorístico que temos na comarca e no resto de Galicia, ao tempo que se afianza o camping como espazo cultural comarcal.
Presentábanse na primeira semi, con participantes con ampla experiencia como a fisterrá de Sardiñeiro Alba Castro (@mamatopa_alba) ou Juan Meniño (@juanluis_gm, natural de Ribadumia), recén saídos do fallido programa da TVG Onovo rei da comedia.
Estiveron tamén os camelláns Luís Baña (uis_camelle/) e Belén Tajes demostrando o potencial humorístico da vila salgada.
Formouse un ambiente moi chulo, cun cheo no interior do comedor do camping, e ademais das risas dos monologuistas, o público tamén atendeu ao conto que lanzou a mítica cociñeira e amiga da casa, Pía Lago, mentres deliberaba o xurado.
Un xurado que finalmente decidiu que se clasificaran a fisterrá Alba Castro e o camellán Luís Baña de Camelle.
A seguinte cita será o 16 de maio coa segunda semifinal, que buscarán os outros dous finalistas. Os candidatos serán Charly Char (@eusoncharly da Capela), Tano Bafar (@tino.barros_ de Arca, O Pino), ambos con experiencia tamén no programa televisivo, ademais da tamén camellá Demelsa e do coruñés Miguel Canalejo (@miguel.canalejo), coñecido no mundo do audiovisual, que aínda vén de presentar a gala dos premios do Carballo Interplay.
E xa o 23 de maio, a gran final cos 4 finalistas, e cunha proposta algo distinta e máis completa.
Bos premios terán os gañadores cun primeiro premio de 300€ e unha fin de semana con aloxamento e pensión completa no camping para dúas persoas; e varios premios máis.