Antía Yáñez e Mayte Corbillón este venres no Día das Bibliotecas de Muxía

  •  A Biblioteca arrincou un novo Club de Lectura.

Está moi viva a Biblioteca de Muxía, e este vindeiro 24 de outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, acollerá ás 17:30horas un encontro moi especial baixo o título “Encontro coas letras”, no que participarán as escritoras Mayte Corbillón e Antía Yáñez, que acaba de gañar o Premio Raíña Lupa 2025. Ambas autoras compartirán co público unha conversa arredor da saúde mental nas historias, unha temática escollida para conectar tamén coa celebración do Día da Saúde Mental, conmemorado o pasado 10 de outubro.

Esta actividade busca poñer en valor o papel das bibliotecas como espazos de encontro, reflexión e benestar, ofrecendo unha oportunidade para abrir o diálogo sobre temas que afectan directamente á sociedade actual, como a saúde emocional, o feminismo ou a diversidade.

Club de lectura

Neste contexto, a Biblioteca Municipal de Muxía quere destacar tamén a creación do novo Club de Lectura de Muxía, que iniciou a súa andaina neste mes de outubro de 2025. Este grupo nace co obxectivo de fomentar o hábito lector e crear un espazo de participación e pensamento crítico, no que se debatan temas de actualidade a través da literatura.

O club arrancou a súa actividade coa lectura de Senlleiras, de Antía Yáñez, unha obra que mestura realidade e maxia para mergullarnos na adolescencia de Lucía, unha moza que se enfronta á busca da súa identidade e á comprensión do mundo que a rodea. A novela aborda cuestións moi presentes entre o alumnado de educación secundaria — como a amizade, o autocoñecemento e a aceptación persoal—, ofrecendo unha historia que convida a reflexionar sobre a saúde mental e o poder das historias que nos definen.

“O novo club de lectura é unha iniciativa que nos enche de ilusión", sinala a concelleira de Cultura e teniente de alcalde Sandra Vilela. "Supón abrir unha xanela á reflexión colectiva, especialmente sobre temas como a saúde mental, o feminismo ou a diversidade. A literatura axúdanos a entendernos mellor e a coidar uns dos outros.”

 

Máis novas