Anuncian a adxudicación da segunda fase da restauración do Santuario da Virxe da Barca
Visita institucional esta mañá a Muxía para visitar o Santuario da Virxe da Barca. Porque a Xunta vén de anunciar a adxudicación das obras da segunda fase da súa restauración á empresa Aquablue Sistemas Constructivos, por un importe de 415.820 euros e cun prazo máximo de execución de 9 meses.
Unha intervención que permitirá culminar a recuperación desta emblemática igrexa de Costa da Morte, tralo grave incendio do Nadal de 2013.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, estivo acompañada polo alcalde de Muxía, Francisco Javier Sar, pola teniente de Alcalde, Sandra Vilela, polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Monteserín, e polo párroco do Santuario da Virxe da Barca Daniel Turnes.
O Santuario da Virxe da Barca conta cunha especial protección polo seu valor cultural, ao tratarse dun ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Ademais, a súa localización no Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía converte este enclave nun dos destinos máis significativos para peregrinos e visitantes.
A intervención
As actuacións previstas inclúen a substitución dos recebos interiores mediante a aplicación dun revoco de cal en tres capas que favoreza a correcta transpiración dos muros. Previamente realizarase unha limpeza dos paramentos descubertos mediante técnicas específicas baseadas no uso de polpas de papel e auga destilada. Ademais, nos paramentos de pedra vista procederase á limpeza e substitución dos rexuntados deteriorados.
No exterior do edificio actuarase sobre as estruturas de pedra para eliminar a sucidade acumulada e mellorar o seu estado de conservación. Estes traballos completaranse coa reposición das xuntas mediante morteiros de cal compatibles cos materiais orixinais do inmoble.
A intervención contempla tamén a substitución das 11 ventás afectadas por novas carpinterías de bronce, máis adecuadas para as condicións ambientais do enclave e acordes cos criterios de conservación patrimonial. Así mesmo, recuperarase o pavimento orixinal de lousa granítica da sancristía, respectando o estado de conservación das pezas existentes.
Entre as actuacións previstas figura igualmente a revisión dos sistemas de fixación e ancoraxe dos púlpitos, o tratamento da tarima de madeira do camarín e a revisión das instalacións de electricidade, saneamento e protección contra incendios. Tamén se acometerán traballos para solucionar os puntos de entrada de auga detectados na cuberta, recuperar os ferraxes das portas e instalar trapelas nas saídas das torres.
A segunda fase
Esta será a segunda fase. A primeira fase das obras posibilitou a consolidación dos muros e das bóvedas, a reconstrución da estrutura de madeira e da cuberta de lousa, a restauración das estruturas de pedra afectadas polo lume, a recuperación dos pavimentos, a renovación das carpinterías e das instalacións eléctricas e de protección contra o raio, así como a dotación de novo mobiliario litúrxico e elementos básicos para o desenvolvemento da actividade relixiosa.
O valor do Santuario
O Santuario da Virxe da Barca constitúe un dos lugares de maior relevancia espiritual e patrimonial de Galicia. Segundo a tradición, neste lugar produciuse a aparición da Virxe María ao Apóstolo Santiago para animalo na súa tarefa evanxelizadora. A lenda sinala que a Virxe chegou nunha embarcación de pedra, da que derivan elementos tan coñecidos como a Pedra do Temón, a Pedra de Abalar ou a Pedra dos Cadrís, todas elas profundamente vinculadas ao imaxinario popular galego e ás tradicións relacionadas coa saúde e a fertilidade.
Aínda que se considera probable que a orixe do santuario se remonte aos primeiros tempos da cristianización de Galicia, as primeiras referencias documentais coñecidas datan de comezos do século XVI. As ruínas dun antigo hospital medieval situadas na contorna evidencian, ademais, a importancia que xa tiña este lugar como centro de peregrinación durante a Idade Media.
O actual templo foi construído no século XVIII e ao longo dos anos incorporou distintos elementos que conforman o conxunto patrimonial actual, entre eles a Casa Reitoral, levantada en 1828; a espadana independente da igrexa, datada en 1834; e as torres campanario da fachada occidental, engadidas en 1958. Trátase dunha edificación barroca de gran sobriedade arquitectónica, construída en perpiaño e cachotería de granito, cunha planta de cruz latina e unha destacada integración na paisaxe costeira de Muxía.