Anxo Castro: "Cun par de buses cada fin de semana xa melloraríamos bastante"

A semana pasada nos achegabamos ata Muxía, para falarmos con Anxo Castro, responsable do Albergue Bela Muxía e un gran coñecedor da realidade turística costeira. I é que a relación de Anxo co turismo vén de lonxe, dos seus moitos anos coidando da Oficina do Peregrino de Muxía, convertíndose no primeiro muxián en abrir a porta da vila da Barca aos milleiros de visitantes.

E a conversa con el xira en torno ao servizo de transporte colectivo (que debería chamarse público). Anxo lamenta a falta dun servizo de autobuses decente que una a vila muxiá con Santiago e A Coruña, pero tamén con Cee-Fisterra e Camariñas.
De feito, cando marchabamos cara Muxía recollimos unha turista que facía autostop xa por Sinagoga pois se decidira a ir cando se decatou, que xa pasara o único bus diario que conecta Cee e Muxía. Anonadada estaba de que non houbese máis buses entre dúas vilas tan cercanas e tan importantes para unha zona.

Volvendo con Anxo Castro, unha das cousas que lamenta é que non haia buses as fins de semana entre Fisterra-Cee e Muxía. De feito, considera esta lacra na baixada de visitantes que rexistran durante as fins de semana. "Aquí en Muxía baixamos un 30-40% de visitantes nas fins de semana, cando debería ser do revés. Penso que cun par de buses na fin de semana xa melloraríamos un montón".
I é que parece incrible que non haia un bus na fin de semana para ir de Fisterra e Cee a Muxía. Este feito impide aos moitos peregrinos que rematan o venres ou o sábado en Fisterra pasar por Muxía antes de voltar ás súas casas, e viceversa.

E non é que pola semana a cousa estea moito mellor, cun par de horas para ir dende Cee ata Muxía e Camariñas. Cara Santiago a cousa non está moito mellor e apenas un bus diario conecta a capital mundial da peregrinación con Muxía.
E cara a Coruña temos un par de buses (7:15 e 10:45) e outros dous de volta (8:15 e 16:00), o que tampouco nos permite deixar o noso coche e depender o servizo de autobuses.

Precisamente consideramos ese o gran problema, pois xa nos teñen acostumados a depender do vehículo propio. Mentres a oferta do servizo de transporte non sexa suficiente para que deixemos o coche en casa, non vai haber demanda suficiente e o único camiño será o peche. Pero aí debería ir por diante a Xunta, e ofrecer un sistema de transporte público competitivo, para que visitantes e veciños vaiamos cambiando hábitos.

Unha furgoneta-minibus

"E por que non un sistema de minibuses ou de furgonetas concertadas?", pregúntase Anxo. I é que precisamente os taxis son os principais favorecidos de todo iso e ofrecen viaxes verdadeiramente baratas para ir de Muxía a Fisterra. Pero ese non pode ser a única vía de saída para un peregrino.

Deberiamos pechar os grandes buses que viaxan practicamente vacíos un par de veces ao día, e cambialos por unha boa rede intracomarcal de minibuses ou furgonetas que poidan distribuir pola zona a veciños e visitantes. Canto movemento de cartos xeraría un servizo así?

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).