Avanza a recuperación da praza do Coído

O concelleiro de Mantemento e Limpeza, José Luis Santiago, e a tenente de alcalde, Sandra Vilela, visitaron a zona

O Concello de Muxía continúa cos traballos de mantemento e mellora da Praza do Coído, unha actuación que ten como obxectivo recuperar un dos espazos públicos máis representativos do municipio e devolvelo á cidadanía en condicións óptimas.

Esta praza, que durante anos presentou un notable estado de deterioro, con múltiples desperfectos e falta de mantemento, está a ser obxecto dunha intervención integral por parte dos operarios municipais. Os traballos céntranse na reparación do firme, a eliminación de irregularidades e a posta en valor dun espazo que forma parte da vida cotiá do pobo como lugar de encontro e convivencia.

O concelleiro de Mantemento e Limpeza, José Luis Santiago, destacou que “esta actuación era unha prioridade, xa que falamos dun espazo moi utilizado pola veciñanza e que levaba demasiado tempo sen as condicións axeitadas. Estamos a traballar para garantir seguridade, accesibilidade e unha mellor imaxe para todos”.

Pola súa banda, o alcalde, Javier Sar, subliñou que “a recuperación da Praza do Coído é un exemplo do compromiso deste goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e coa calidade de vida da nosa xente. Queremos que cada recuncho do municipio sexa un lugar digno, coidado e pensado para o uso e disfrute da cidadanía”.