O Concello de Muxía impulsa un amplo programa de actividades culturais, deportivas, formativas e de ocio

Sandra Vilela e Javi Sar

O Concello de Muxía presenta un programa de actividades que arrinca este curso, cunha oferta variada que abrangue a cultura, o deporte, a formación e o ocio, pensado para chegar a toda a veciñanza.

 Cultura con sabor especial
A programación “Outono en Escena” incorpora un ciclo de teatro infantil, mentres que se recupera a tradicional Escola de Palillos. A maiores, haberá club de lectura, talleres de memoria, manualidades, crochet e outras propostas culturais para diferentes idades.

 Deporte nas parroquias e máis servizos
O Concello ampliará a súa oferta deportiva con novas disciplinas e coa súa extensión ás parroquias. Ademais, o ximnasio municipal terá un horario máis amplo, favorecendo así a práctica deportiva para todas e todos.

 Formación dixital para maiores
Co programa “Yo Conecto”, as persoas maiores de 60 anos poderán participar en cursos presenciais de iniciación e de ocio dixital, co obxectivo de mellorar as súas competencias tecnolóxicas e favorecer o seu acceso ao mundo dixital.

 Escola de Baile para todas as idades
A programación de danza abrangue dende a iniciación á danza para os máis pequenos (3-5 anos), baile moderno para nenos e mozos, ata baile latino e de salón para persoas adultas. Unha oferta pensada para que veciños e veciñas de todas as idades poidan gozar coa música e o movemento.

 Un Concello con compromiso
Estas novas actividades son froito do traballo do Concello de Muxía, que aposta por un municipio máis vivo, participativo e con máis oportunidades para toda a cidadanía.

Toda a información sobre prazos e inscricións está dispoñible nos carteis oficiais e no propio Concello.