Denuncian os problemas co alumeado público no porto de Muxía

Noite pechada no porto de Muxía

Así se ve, e se traballa, dende hai 3 meses en varias zonas do Porto de Muxía. Os problemas co alumeado fan que a noite sexa estremecedora no peirao, impedindo traballar polos continuos fallos de suministro. Ao parecer, aseguran que existen problemas cun cable subterráneo pero non dan atopado a solución.

Os traballadores do mar, cansos de seguir pagando relixiosamente as súas facturas, esixen que Portos tome medidas de forma urxente.

Tan urxentes, que segundo o alcalde, Javier Sar, dende Portos aseguraron que hoxe mesmo ían vir revisar o asunto. “O que está claro é que así non se pode estar, e trataremos de que se arranxe o máis rápido posible”, asegura o rexedor.

O BNG lembra outros desperfectos

Aproveita o BNG para denunciar outras desfeitas que sofre o porto muxián, unha vez que xa pasou ano e medio dende que denunciaban o estado de abandono duns aseos, que foron tapiados no canto de ser arranxados. 

Lembran que en materia de alumeado, xa o denunciaran en varias ocasións e a única solución foi poñer dúas grandes farolas no porto deportivo, unha delas dirixida á estrada de entrada na vila, bastante molesta para os vehículos.

Asñi mesmo, recordan que o deputado Oscar Insua remitiu tamén unha emmenda aos Orzamentos da Xunta 2026 (rexeitada pola maioría absoluta do PP) para dotar dunha partida maior para a nave de exportadores (ten unha partida de 10.000€ para un presuposto de 600.000), así como a rehabilitación dos parkings, e outras obras mantemento.