Volven esixir á Xunta accións para evitar a acumulación de áridos na entrada de Muxía
Vén de lonxe a problemática cos áridos na praia da Cruz. O vento do nordés provoca, ano tras ano, importantes acumulacións de area na a estrada AC-440 á entrada da localidade, pero nada se fai para intentar reverter a situación.
Así o denuncia, o deputado do BNG Oscar Insua, que logo de ter presentado o ano pasado no Parlamento galego iniciativas sobre este problema, volve a pedir que o goberno galego dea solución urxente e definitiva.
O grupo do BNG de Muxía denuncia "o desleixo e inacción" da Xunta e denuncia que “a día de hoxe seguimos sen ter noticias sobre o estudo técnico que comezaron a realizar a AXI e Costas do Estado hai un ano".
O BNG afirmou que as previsións meteorolóxicas indican que vai soprar o vento de nordés nos vindeiros días, “co cal a situación pode aínda empeorar”, e sinalou que tampouco se procedeu a limpar a estrada cando se compromete a súa funcionalidade e a seguridade na circulación, “xa que a duna que se forma enriba da calzada impide o paso normal de vehículos, supoñendo un risco evidente, e nalgunha ocasión houbo incluso que empurrar coches que quedaran sobre o montículo de area que invadía ambos carrís”.
A portavoz nacionalista local, Mercé Barrientos, indicou que “sería bo que soubéramos se os traballos de limpeza vainos acometer a Xunta ou o Concello; en caso de que sexan os servizos municipais, pediremos que o goberno local envíe a factura dos traballos realizados ao executivo galego”.
"Incongruencia" da Xunta
O BNG resaltou a actitude que mantén a Xunta con esta estrada do concello. “Leva tempo rexeitando que o Concello proceda co repintado do paso de péons de Quintáns, localidade dividida en dous pola AC-440, pero si permiten ao Concello a posibilidade de limpar a acumulación de area nesa estrada á entrada de Muxía”.
O paso de peóns para o que se pide o repintado, e que está sinalizado verticalmente, atópase na parada de bus escolar e no paso do Camiño de Santiago por esa localidade. “Resulta inexplicable que se manteñan os pasos de peóns de Suxo e Os Muíños, e se rexeite manter o de Quintáns”, manifestou Mercé Barrientos.