Un falecido en Moraime tras bater co seu vehículo nun poste da luz

Esta pasada tarde de martes 1 de novembro, un home perdía a vida na estrada ao sufrir unha saída de vía. Eran as 16:45h cando o vehículo sufría a saída e batía contra un poste da luz, no lugar de Baiuca, en Moraime, na AC-440.

Ao lugar acodía Protección Civil, Bombeiros de Cee, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado para atender á persoa accidentada, pero só puideron cerciorar o seu pasamento.

Unha indisposición do condutor, previa ao sinistro, podería estar detrás deste fatídico accidente.