A limpeza do Parador enfróntase á empresa Eulen

  • A CIG denuncia na Inspección de Traballo a explotación laboral das traballadoras do Parador de Muxía

A CIG vén de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) contra Eulen, e Paradores Costa da Morte, polas "graves vulneracións dos dereitos laborais das 15 traballadoras do Parador de Muxía, desde exceso de xornada non compensada ou falta de planificación laboral, até obstrución aos dereitos sindicais".

Segundo explica o secretario da Unión Local de Cee, Xabier Santos Canosa “as traballadoras, maioritariamente mulleres, están sometidas a prácticas laborais inaceptables”. As 15 empregadas de Eulen, 4 en limpeza e 11 como camareiras de piso, operan baixo contratos fixos-discontinuos con xornada parcial de cinco horas diarias, reguladas por convenios provinciais de limpeza de edificios e locais e de hostalaría. Porén, a súa realidade laboral “dista moito do marco legal”.

Nese sentido, Santos explica que desde hai meses, a CIG solicitou un espazo no centro de traballo para realizar asembleas e un taboleiro de anuncios. Solicitude á que recibiron una negativa por resposta.

A falta de planificación laboral agrava a situación. “Non existe un calendario laboral, nin de vacacións, e os descansos semanais de 48 horas non se respectan”. As traballadoras deben “dobrar quendas” para cubrir ausencias, permisos ou baixas por incapacidade temporal, sen compensación. “Teñen que xestionar os permisos retribuídos entre elas porque non se lles facilita”, lamenta Santos, sinalando que esta desorganización “imposibilita a conciliación familiar”.

O secretario da Unión Local de Cee critica, ante isto, a xestión do Parador de Muxía, que “ten unha ocupación case do 100% durante os nove meses de actividade, como recoñecen os propios medios”. A pesar destes resultados, “non se contrata persoal suficiente para garantir unhas condicións dignas”.

A denuncia tamén apunta á aplicación irregular dos convenios colectivos. No mesmo centro de traballo aplícanse distintos convenios: o de limpeza para as traballadoras de limpeza, o de hostalaría para as camareiras de piso, e mesmo o do metal, nalgúns casos. Isto crea “un batiburrillo” que complica a defensa dos dereitos laborais. Ademais, nas eleccións sindicais “non se fixo unha xestión adecuada, con mesas itinerantes que non garantiron a participación”, subliña Santos.