Melloras para os 9km da vía de entrada a Muxía

Visitou onte Muxía a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, para informar da licitación das obras de reforzo de firme na estrada AC-440 ao seu paso polo Concello de Muxía, unha actuación na que o Goberno galego investirá preto de 514.000 euros para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade viaria neste importante eixo de  comunicación da Costa de Morte e que beneficiará directamente aos 4.326 veciños deste municipio.

A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permitirá actuar en varios treitos desta vía autonómica ao longo de máis de 9,13 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polos veciños e veciñas como polos numerosos vehículos que circulan diariamente cara ao litoral muxián.

As obras previstas en Muxía centraranse na regularización da calzada, o recrecido do pavimento e a reposición das zonas máis deterioradas, empregando mesturas bituminosas en quente e tratamentos específicos segundo o estado de cada treito. Ademais, completarase a actuación coa reposición da sinalización horizontal e a instalación de resaltos nas liñas de carril fóra dos ámbitos urbanos para optimizar a visibilidade e a seguridade.