O Mercado das Rutas do Mar de Muxía afronta a súa 17ª edición

Muxía celebrará os vindeiros días 9 e 10 de agosto unha nova edición de Rutas do Mar, unha das citas máis destacadas do calendario cultural e festivo da vila.

Nesta ocasión, a feira mariñeira cumpre a súa 17ª edición consolidándose como unha referencia no ámbito da artesanía, gastronomía e tradicións do mar.

O evento incluirá feira de produtos artesanais, oferta gastronómica, música, pasarrúas e distintas actividades para todos os públicos, mantendo o espírito de exaltación da cultura mariñeira que caracteriza a Muxía.

Este ano, como colofón, o domingo 10 terá lugar o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, unha das propostas musicais máis destacadas do panorama galego actual.

Postos 

O prazo para que os postos interesados poidan inscribirse permanecerá aberto dende o luns 14 ata o xoves 24 de xullo, ambos incluídos. As solicitudes poden presentarse presencialmente no Concello ou a través da sede electrónica, cubrindo a instancia dispoñible na páxina web municipal.

A organización convoca a todos os participantes inscritos a unha reunión informativa que terá lugar o luns 28 de xullo ás 20:00 horas no salón de plenos do Concello.

Desde o goberno municipal faise un chamamento á veciñanza e visitantes para que participen nesta festa tan sinalada: “‘Rutas do Mar’ é, sen dúbida, un dos eventos máis importantes do ano para Muxía, unha celebración da nosa identidade e do noso mar”, sinala a tenente de alcalde, Sandra Vilela.