Miro Villar presentará As Crebas en Muxía

Na xornada de mañá venres, 19 de agosto, terá lugar en Muxía a presentación do libro “As Crebas” do poeta ceense Miro Villar, recentemente publicado en Espiral Maior e premiado co XIII Premio de Poesía Concello de Carral. O acto celebrarase ás 21:00h na Praza do Cabo da Vila de Muxía. No caso de que chova, a cita trasladariase ao Salón de Actos. A presentación da publicación está organizada pola Fundación Gonzalo López Abente. Participarán, ademáis do autor do libro, o presidente da Fundación e alcalde de Muxía, Félix Porto, o escritor e vicepresidente da Fundación,  X. H. Rivadulla Corcón e o poeta fisterrán Alexandre Nerium. A Fundación Gonzalo López Abente amosouse moi satisfeita por contar no seu Padroado e na súa Comisión Executiva coa presenza de Miro Villar, ao que consideran un autor imprescindible na literatura galega e ao que a Costa da Morte debe moito, xa que é autor de numerosos estudos e antoloxías de poetas da zona. Este é o caso de Gonzalo López Abente do que, ata o momento, o único estudo publicado é o que fixo Miro na Antoloxía Poética do autor muxián. Segundo explican, durante moitos anos de silencio sobre a figura e a obra de López Abente , a única fonte á que se podía acudir - se non se dispoñia de edicións antigas- para ter de primeira man os textos do autor foi esta publicación de Miro Villar. A Fundación quere agradecer a Miro Villar o seu traballo, gardando a memoria de poetas como o propio Abente, Paz Lestón, Antón Zapata e outros. Na actualidade xa se atopa en prensa a edición que Miro Villar preparou dun inédito de López Abente, “Bretemada”, que sairá á luz no presente ano publicada pola Editorial Alvarellos e a Fundación L. Abente, e prologada por Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo a Fundación López Abente, o traballo de Miro Villar é un esforzo constante pola dignificación da Costa da Morte e da súa literatura e ademáis a súa obra , amplamente premiada e recoñecida,  e é un orgullo para tódolos habitantes da Costa.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Fundación Gonzalo López Abente.