As mulleres das ANPAs da comarca, homenaxeadas en Muxía

Homenaxe ás mulleres das ANPA’s da Costa da Morte BNG Muxia

Emotiva homenaxe a que o grupo de Acción Feminista do BNG da Costa da Morte rendeu este sábado 14 de marzo en Muxía ás mulleres das ANPA’s da comarca. Un recoñecemento á súa loita por demandar melloras nos centros escolares, especialmente neste curso no que veñen participado en mobilizacións para reclamar máis docentes para o alumnado con necesidades especiais.

O acto, enmarcado na celebración do 8-M, foi presentado pola voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, e foi pechado pola deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra. Foron invitadas representantes das ANPA’s dos concellos de Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría, Muxía, Vimianzo, Camariñas e Zas, que recibiron un agasallo por parte das organizadoras.

A Acción Feminista do BNG sinalou que  “neste curso 2025-2026  toda a comarca vén de sufrir recortes importantes en educación, e a defensa do ensino público por parte das ANPAS, constituídas maioritariamente por mulleres, fai que sexan merecedoras dun recoñecemento especial”. 
O evento contou coa actuación musical das mozas pandeireteiras “Os Roquiños”, e ao remate o público asistente puido degustar duns petiscos.