Poetas de todo o mundo coñecen as raíces muxiás de Rosalía de Castro

Poetas internacionais na Pedra de Abalar coa Fundacion Rosalia de Castro

O pasado venres 12 de xullo, visitaron Muxía varios membros dos Diálogos Literarios Multilingües da Fundación Rosalía de Castro. Recibidos pola concelleira de Cultura, Mónica Vilela, tanto o presidente da entidade, Anxo Angueira, como os poetas Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto e Xavier Queipo; estiveron arroupados por Xan Fernández Carrera, patrón da Fundación López Abente e a técnica de cultura municipal, Viki Rivadulla, que foi a guía do grupo ata o lugar onde estivo aloxada Rosalía de Castro na súa estadía en Muxía, deixando patente a importancia da vila na obra rosaliana.

Na visita mostraron ao grupo fotografías antigas da casa e da zona da ribeira para situar mellor como era a paisaxe que ten tanta forza e protagonismo na primeira novela de Rosalía de Castro "La hija del mar" .

Logo se desprazaron ata a Barca lugar que Rosalía tamén describe na súa obra e que a través da Romaría da Barca está presente no poema número VI de "Cantares Gallegos". Tanto a concelleira como a técnica destacaron o valor de Muxía como paisaxe literaria e vital de Rosalía e como lugar que marcou a vida da poeta polos acontecementos vividos. Dende o Concello de Muxía agradecen esta visita e manifestan o propósito de seguir traballando para poñer en valor a relación de Rosalía e a súa obra co municipio muxián.

Novas relacionadas