O muxián Javier Castiñeira estrea “Brazaletes” en Vimianzo: “O marco do fútbol axúdanos a falar de algo moi grave como os últimos fusilamentos do franquismo”

Javier Castiñeira preparando a obra na residencia artística en Vimianzo

Cócese esta semana no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, unha obra de teatro moi especial. Amorodio Teatro está aproveitando a exquisita residencia artística que ofrece o Concello vimiancés para poñer a punto “Brazaletes”, unha obra que recupera a memoria de futbolistas que converteron o deporte nun acto de resistencia, e que terá a súa preestrea mundial para o público xeral este venres 17. Unha cita moi especial ademais, pois contará coa presenza de Sergio Manzanera, protagonista do xesto que inspira a peza.

”Brazaletes” rescata a historia de dous xogadores do Racing de Santander, Aitor Agirre e Sergio Manzanera, que un 28 de setembro de 1975, saltaron ao campo do Sardinero nun partido ante o Elche con dous brazaletes negros. Algo habitual hoxendía para homenaxear aos difuntos, naquel entón simbolizou todo un desafío á ditadura e unha protesta polos derradeiros e salvaxes fusilamentos do franquismo, apenas dous meses antes da morte de Franco.

Un xesto reivindicativo histórico que rescata a compañía Amorodio, na pel de Javier Castiñeira (Muxía, 1997). O actor, medio de Quintáns, medio de Muxía e medio de Monte Alto, fai de intérprete único da peza, un monólogo de 70 minutos onde a interpretación de Castiñeira é o eixo central. A súa presenza escénica guía o espectador a través de diferentes épocas e xeografías, cun texto escrito por Ernesto Is e baixo a dirección de Santiago Cortegoso e acompañado por Carmen Facorro (Vila de Cruces), a outra media laranxa da compañía. Máis alá do recordo, a peza cuestiona de maneira directa as políticas machistas, corruptas e violentamente capitalistas que rodean ao chamado “deporte rei”, subliñando que o fútbol, como calquera expresión cultural, tamén pode ser un espazo de disidencia.

Falamos con Javier para coñecer máis polo miúdo esta obra que vai percorrer institutos de media provincia, e para debullar como é esa semana de Residencia Artística ao carón da casa da súa avoa de Quintáns.

Si, fixeramos “Reino da Extinción”, que foi a nosa primeira obra, aínda con moitas cousas que aprender. De aí demos o paso profesional, con “A Nai”, que fixeron moitas obras tamén por toda Galicia, e “Cortello de Amor”, con Grande Amore de banda sonora.

Estamos contentos porque non levamos nin 5 anos e xa levamos un Premio Luísa Villalta, que foi unha axuda enorme, e fomos finalistas a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024 con “A Nai”, que supuxo unha axuda enorme para que a obra tivese repercusión e que a compañía tivese máis renome. Ademais, participación no Galicia Escena Pro coa obra foi moi importante para ensinarlla ao sector teatral…

A verdade é que seguimos medrando, comezamos sendo 4 persoas, con moitas gañas, pero por cousas da vida, ao final quedamos Carmen e mais coa compañía, e a verdade estamos moi contentos, a compañía é cada vez máis autónoma.

  • É posible vivir do teatro en Galicia, entón?

Máis ben, é posible sobrevivir do teatro en Galicia, pero estamos a anos luz do que pasa na tele, por exemplo. Nós agora estamos vivindo disto, dando tamén clases de teatro (pola zona de Vila de Cruces, onde está asentada a compañía), e cos bolos, que xa non é pouco. A verdade é que non temos queixa.

  • Bueno, e agora “Brazaletes”. Como chega a vós esta historia?

Bueno, pois eu teño querenza por non acabar os estudos, e así me pasou con Imaxe e Son e con Arte Dramático, deixei este a medias, pero o ano seguinte do COVID, despois de pasar un ano sen acabar, animáronme e preparar o meu TFG. E xusto estaba lendo o libro de Quique Peinado, “Futbolistas de esquerdas”, e atopei esta historia, un tema moi interesante. Meu irmán descubriume tamén o Informe Robinson sobre estes dous persoeiros, que se atreveron a poñern e risco as súas vidas. Unha historia tremenda, no descanso tiveron que quitar os brazaletes, pero a policía parou o partido, e estiveron condenados a 5 anos prisión pero despois se reduciron a multas.

Eu tiña unha idea sobre a corrupción do fútbol e como a prensa está tan polarizada, pero decidín adaptar esta historia para o meu Traballo de Fin de Grao, aproveitando o 50 anivesario da historia de dos fusilamentos do franquismo.

  • Fas do fútbol un elemento de loita e resistencia, entón?

Si, non é unha obra de fúbol, senón que o marco do fútbol axúdanos a falar de algo moi grave como os últimos fisulamentos do franquismo. Queremos lembrar que mesmo no terreo de xogo cabe a dignidade e a resistencia. Que o xesto máis pequeno pode converterse en memoria colectiva.

Parece que o fútbol é un ente independiente da sociedade, pero non sempre foi así. De feito, tamén falamos de que a día de hoxe só Borja Iglesias se manifesta sobre temas políticos e sociais, ou só Salah fala do xenocidio.

  • E todo isto, ti só no escenario, baixo a dirección dun histórico como Santiago Cortegoso. Como é enfrontarse un só no escenario a todo un auditorio?

Si, só, e un pouco cagado. A obra é un reto moi grande, traendo moitos personaxes históricos que van aparecendo, que se van caracterizando, gracias á dramaturxia de vestiario feito por Carmen Facorro, con máis de 30 camisetas de fútbol vintage que seguro que lle vai gustar á xente.

  • Falando xa da residencia. Do 13 ao 17 de outubro, como previa á preestrea da obra, realizades unha residencia artística na Casa da Cultura de Vimianzo. Cóntanos como é de importante contar coa colaboración dun Concello así.

É escencial, sinceiramente. É unha das cousas que máis nos importante nos parece a Javi e a Carmen, porque existen moitos espazos, pero os espazos por regla xeral están máis baleiros que cheos. E aquí en Vimianzo, que fan tantas cousas, con gran predisposición dende o primeiro momento. Non hai nada máis importante que ter onde facer teatro. Vimos de Cuntis, onde tamén foi unha marabilla, e agora chegar a Teatro a un teatro como Vimianzo non podemos máis que agradecer poder facer esta residencia artística durante unha semana enteira.
Agradecementos mesmo a aula de Teatro que tiveron que trasladar os ensaios pola nosa culpa.

  • E podes debullarnos como é unha semana de residencia artística?

Pois imos por pouco de catering para ir comendo algo durante a semana, montamos a escenografía para acabar de perfilala, e tamén é traballar na iluminación, da man de Violeta e Miguel, acabar os audiovisuais como van entrando. Pero sobre todo, facer pase xeral, tras pase xeral, con Santiago Cortegoso, con Alberto Baena e con Violeta. Ensaiar, ensaiar e ensaiar, que a repetición fai milagros, así unha e outra vez ata o venres, ás 21:30h para pase aberto.

  • E de Vimianzo, cara onde?

Xa temos 8 funcións apoiadas por Memoria Democrática por institutos da provincia, moi últiles para explicarlle aos rapaces que a dictadura foi unha dictura de verdade, non un camiño de rosas. Unha cousa que fai moita falta, porque ademais todo o tema do fútbol, e as camisetas, vai empatizar, a rapazada, sobre todo os homes que están máis extremizados… Cousas que parecían superadas sigan estando superadas.

Estaremos o 27 de outubro en Malpica; o 28 en Melide, o 29 en Muros, o 30 en Zas, o 4 de novembro en Fene; o 5 en Padrón, o 6 en Noia e o 7 en Negreira. E despois onde saia.