Novas melloras para solventar o precario espazo do CIM de Muxía

O CIM de Muxía

Si, así foi o Centro de Información á Muller de Muxía dende a súa creación. Un pequeno despacho e pouco máis, onde traballaron, entre outras profesionais, a actual deputada de Igualdade Soledad Agra. As deficiencias comprometen tanto a calidade do servizo como a confidencialidade das usuarias. Por iso, estas melloras son imprescindibles para garantir unha atención digna, eficaz e respectuosa.

Pero o Concello de Muxía vén de conseguir unha nova subvención da Consellería de Política Social e Igualdade por un importe total de 37.379,24 euros, que permitirá realizar importantes melloras nas instalacións do Centro de Información á Muller (CIM). Esta achega está financiada ao 100% pola Xunta de Galicia, polo que non supón ningún custo para o Concello nin para as veciñas e veciños de Muxía.

As actuacións previstas co obxectivo de mellorar a calidade do servizo, a privacidade e o benestar das usuarias son:

  • Ampliación do espazo do CIM coa creación dunha sala de espera pechada, que garantirá a intimidade e o confort das usuarias, evitando que teñan que esperar no pasillo, como sucede actualmente.
  • Substitución das actuais mamparas por tabiquería insonorizada, co fin de garantir a confidencialidade nas consultas e crear un entorno seguro e empoderador.
  • Renovación da carpintería exterior, actualmente deteriorada tras máis de 20 anos sen mantemento, e da carpintería interior, incluíndo portas insonorizadas.
  • Adaptación do solo e da iluminación, mellorando a accesibilidade, a estética e a comodidade do espazo.
  • Dotación de novo equipamento, como cadeiras para a sala de espera, estores para a privacidade, e ratos ergonómicos para mellorar a saúde postural do persoal.