Imaxe do parque eolico no Monte Faro vimiancés con vistas á costa
O grupo ecoloxista PX da Ponte do Porto, amosouse nas últimas horas satisfeito logo de coñecerse a resolución do TSXG, a través da cal se avala a petición de Patrimonio para que varios muíños de vento do proxecto eólico Muxía II, muden a súa ubicación, xa que ían afectar a parte do Camiño entre Fisterra e Muxía.
Os ecoloxistas lembran que nos anos 2008 e 2009 presentaron, xunto con varios veciños de Morquintián, Moraime, e Ozón, varias denuncias ante Patrimonio e Medioambiente por mor deste proxecto eólico, destinado a afectar a parte do Camiño, e a varias zonas de valor ecolóxico e etnográfico.
O colectivo ecoloxista agarda que os novos parques eólicos cumpran co anunciado dende a Xunta, de tal xeito que ningún sexa instalado en Rede Natura e os muíños se ubiquen a non menos de 500 metros do Camiño.
Lembramos que o TSXG avalou nos últimos días a negativa da Dirección Xeral de Patrimonio á instalación de aeroxeradores no parque eólico Muxía, nas inmediacións do Camiño entre Fisterra e Muxía. A empresa Desarrollos Eólicos presentara un recurso contra a decisión que foi desestimada. Logo acudíu ao Tribunal Superior de Xustiza pero éste doulle a razón á Xunta.
Noutra orde de cousas, o colectivo PX enviou a pasada semana unha carta ao presidente provincial do Partido Popular, Carlos Negreira, na cal lle solicitan ao conservador que “cumpra a súa palabra e elimine do futuro plan acuícola os proxectos de Camelle, Merexo e Seiruga”.