O TSXG confirma os 4,5 anos de prisión para un muxián que agrediu cunha barra a unha embarazada nun bar de Muxía

A Sala do Civil e Penal do TSXG ratifica a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña na que condenou a catro anos e medio de cárcere a un home, como autor dun delito de lesións con instrumento perigoso, por agredir cunha barra a unha parella que se atopaba nunha terraza dun bar de Muxía.

O suceso aconteceu en 2020, nas inmediacións do Bar O Xardín, pero o home estivo fuxido ata que foi atopado nas rúas de Poio en 2023, cando foi posto á disposición xudicial. 

Os maxistrados consideran probado no fallo que o acusado golpeou “repetidamente” ao home na cabeza e, despois, á muller, que estaba embarazada, chegando a darlle directamente na zona da barriga nunha das ocasións, cando tentou axudar á súa parella. Ademais, destacan que as lesións de ambas as vítimas son compatibles cos feitos denunciados. A sentenza non é firme, pois é recorrible ante o Tribunal Supremo.

Ademais, impúxolle o pagamento dunha multa de 450 euros por cometer un delito leve de lesións.