Obradoiros, ioga, foliada e moita música en vivo no mes de agosto no Lago-Mar
Tras un mes de xullo intenso o Cámping Lago-Mar mantén a aposta en agosto cunha extensa programación que abarca todos os días da semana. O espazo está xestionado pola coopereativa cultural Horta Creativa, que ofrece un ambiente familiar e tranquilo onde pasar uns días na natureza, ademais de poder disfrutar de eventos e actividades, propoñendo tamén unha axenda cultural a toda a veciñanza da zona.
O Lago-Mar presenta así a súa programación cultural para o mes de agosto, con axenda case diaria de concertos, domingos de ioga e powerfit, unha tarde de foliada libre, e obradoiros para todos os gustos. Ademais, todos os luns ata final de mes hai cea de parrilla.
Música en vivo
Agosto vén cunha cargada axenda de concertos. Arrinca o mes cunha dobre tanda da Jam Session de Turnes & The Five Cents Blues Cousins o 1 e 2 de agosto; seguen o dúo Victor y Naxo o 3 de agosto; e máis unha tarde completa de rock and roll con de Killing Floors máis Mal Juicio o 4 de agosto. Teremos asimesmo o folk acústico de Tomás Porteiro o día 5; e a mestura de música galega e danza africana de Perfusión o día 6.
Gonzarán dunha bonita tarde coa voz de Carla Lourdes o 7 de agosto; e non faltará diversión co rock de Centro da Terra o día 9. Bonito encontro tamén co cantautor e poeta Wilson Saliwonczyk o día 10; e a música de raíz de Ventura o 11.
O día 13 terán de volta sobre o escenario gran forza de Pamela Rodríguez; e o proxecto enérxico de Helen Helen o 14 de agosto; tamén haberá momento para o jazz de Malasombra o 15; e o 16 virán SoLaSol coa súa combinación de clásicos e contemporáneos do mellor da música brasileira
Seguen os concertos o día 17 de agosto cunha tarde de versións de éxitos do pop da man de Zeltia & Salva; e as versións coidadas de Noiteson o 18; Mapa traerá o seu folk de raíz e artesán o 19. E vivirán unha tarde difícil de explicar con Treintañeras Cañeras o día 20; máis outra co indie rock de Los Acebos o 21. Haberá asimesmo dúas sesións de música brasileira con Samba dos Amigos o 22 e 23; e a mestura de ritmos de Ukestra do Medio o 24.
Recibirán tamén o blues e rock and roll de David El Cuerdas & K´Landrakers o 25 de agosto; e a voz en acústico da artista Sara Sístole o 26; tamén será unha honra recibir o 27 á cantante e compositora Belém Tajes; e dende Francia chegará o post punk e pop Basic Partner, que compartirá tarde con Mascada o día 18. Rematará o mes con outra dobre sesión de versións para cantar e bailar con Chekan e Retro Tool o día 29.
Todos os concertos teñen entrada inversa, o que quere dicir que a entrada é libre e o público pode dar unha aportación ao final do espectáculo que vai destiñada ao grupo.
Foliada libre
Despeirán o mes cunha foliada libre o día 30 a partir das 19:00 horas (que seguirá a clase de baile galego!).
Obradoiros, ioga e powerfit
Os obradoiros arrancan o 11/08 cunha tarde de Creatividade na Natureza con Inma Gregorio, na que pasarán unha bonita xornada de creación pintando paisaxes e motivos inspirados na Costa da Morte. Os participantes levará para a casa un bonito recordo. Será ás 16:00 horas e ten un prezo de 20 euros cos materiais incluídos.
O 14/08 haberá obradoiro de Tecido exipcio con Sarah Barrientos. Aprenderase esta técnica coa que crear deseños con teas, como pulseiras ou chaveiros. Os participantes tamén levarán un bonito complemento. Será ás 16:00 horas e ten un prezo de 20 euros cos materiais incluídos.
O 20/08 obradoiro de Reciclaxe de papel con LuPapeterie. Descubrirase como reciclar papel de maneira artesanal, faremos follas en diferentes tamaños e exploraremos o uso de pigmentos, creando novos papel cheos de cor e formas. Será ás 12:00 horas por un prezo de 25 euros cos materiais incluídos.
O 23/08 repite o obradoiro de Creación tradicional de taburetes con Sara Riveira. Un fermoso obradoiro no que aprenderemos a técnica tradicional de encordar taburetes con corda de algodón retorcida, en diferentes cores, e madeira reciclada. Será ás 16:00 horas cun prezo de 60 euros con todos os materiais incluídos.
O 25/08 obradoiro de Grabado con Harmonía Bas, na que farán estampación coa técnica do liño gravado. Xogaremos e estamparemos deseños preciosos que crearemos no momento. Será ás 16:00 horas e ten un prezo de 20 euros cos materiais incluídos.
Para terminar o mes, o 30/08 hai un obradoiro de Baile galego para aprender todo o que se precisa saber para saír a bailar e botar uns puntos nas foliadas.
Ademais, haberá dúas sesións de ioga e powerfit coa profesora Lila Búa. O domingo 16/08 será ioga e o 23/08 powerfit. Unhas xornadas de movemento para comezar o día con vistas ao mar.
Para participar nas actividades é necesario inscribirse en info@campinglagomar.es