P.E. Rego do Lobo: Aprobada a Declaración de Impacto Ambiental para un novo parque eólico en Muxía

Mapa do Proxecto Eolico Rego do Lobo

A Xunta vén de aprobar a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable do proxecto do parque eólico Rego do Lobo. Promovido pola sociedade EDP Renovables España, SLU, trátase dun proxecto con 4 aereoxeneradores que serán instalados no termo municipal de Muxía (arredor dos lugares de Frixe, Bardullas e Morquintián), pero cuia Liña de Alta Tensión tamén implica os concellos de Cee e Dumbría.

O proxecto ten por obxecto a instalación e explotación dun parque eólico de 24,2 megavatios (MW) de potencia total, con tres aereoxeneradores de 6,8 MW de potencia nominal unitaria e o cuarto dunha potencia limitada a 3,8 MW, e a súa infraestrutura asociada, que inclúe vieiros de acceso e servizo e gabias para o sistema de cables. 

A maiores, executaranse tamén unha subestación eléctrica transformadora, tres torres, unha de medición provisional, outra de medición permanente e outra de comunicacións, e unha liña de evacuación a 66 kV. A superficie de ocupación por parte do parque eólico será dunhas 10,6 hectáreas aproximadamente fronte ás 31,7 hectáreas que ocuparán os distintos elementos que conformar o conxunto da instalación.