O persoal do Parador de Muxía volve mobilizarse ante a falta de avances das súas reclamacións

Traballadores do Parador de Muxía

Este 7 de novembro, o persoal do Parador de Costa da Morte volveu a concentrarse fronte á porta do seu centro de traballo. Con esta nova acción, buscan visibilizar "a situación de abandono institucional e empresarial" que arrastran desde fai máis de catro anos e antes de verse obrigados a adoptar medidas máis contundentes.

Tras a concentración celebrada ás portas das oficinas centrais de Paradores en Madrid, e as reiteradas peticións en redes sociais mediante un reto viral coas etiquetas #PorUnConvenioDignoYa e #ParadoresGritaEnSilencio, reclamando un convenio xusto, dende o CSIF aseguran que "a alta Dirección da empresa continúa sen mostrar proba algunha para desbloquear esta situación e, desta forma, alcanzar un acordo. A súa estratexia parece clara: deixar pasar o tempo esperando que o conflito se dilúa e eludir a súa responsabilidade".

Ante esta actitude, o persoal decidiu alzar de novo a voz. Denuncian "condicións laborais precarias, salarios ridiculamente insuficientes e unha conciliación familiar inviable debido á extrema flexibilidade, as quendas rotativas e, especialmente, a quenda partida —o máis habitual no departamento de comedor e cociña— que normalmente se estende durante catro horas pola mañá e tres horas e media pola tarde-noite, incluíndo fins de semana e festivos".

As reivindicacións do persoal son claras: "salarios xustos cos que o persoal poida chegar a fin de mes e vivir dignamente, implantación definitiva e dunha vez por todas do Plan de Pensións, desenvolvemento profesional, estabilidade no emprego, xornadas parciais mínimas garantidas, melloras na xestión da incapacidade temporal, xubilacións parciais, redución progresiva de xornada e unha planificación anticipada de quendas que permita unha conciliación real".

Dende a central sindical asegura que todo iso se dá "nun contexto de bonanza económica para a empresa. Este verán, Paradores alcanzou un récord histórico cun incremento do 2% en beneficios e unha ocupación media do 86%, chegando ao 94% nalgunhas rexións. Ademais, realizou investimentos millonarios nos seus establecementos e campañas publicitarias, proxectando unha imaxe de sustentabilidade, dixitalización e innovación, polo que se esixe polo menos o mesmo esforzo para as persoas traballadoras de Paradores, mellorando as súas condicións laborais".

Por todo isto, as traballadoras e traballadores de Paradores "están cansados de ser sempre quen paga as consecuencias. Cando a situación é difícil, chegan os recortes; cando é favorable, só hai silencio, escusas e dilátase a negociación no tempo.  Se non hai avances reais, darase un paso máis contundente e prometen un cálido Nadal".