Piden rutas diarias de autobuses directas e rápidas que conecten Muxía con Santiago e A Coruña

A problemática co transporte público é infinita na Costa da Morte. Ademais de ser complicadísimo atopar os horarios (non te podes fiar nin de bus.gal) as cadencias fan imposible depender do autobús, tanto para os visitantes como para os residentes. E que dicir dos estudantes que estes días pasan verdadeiras calamidades para chegar ao Instituto, como acontece entre Cee e Fisterra, con buses absolutamente colapsados, con numerosas persoas viaxando de pé.

Outra circuntancia dase en Muxía, un dos lugares onde rematan as viaxes de moitos camiñantes e peregrinos. Pero dende onde volver en autobús a unha das cidades máis cercanas é toda unha película. Un problema que sofren tamén os estudantes da vila, que teñen uns horarios terribles, e viaxes de máis de 2 horas para chegar a Coruña ou Santiago.

A día de hoxe, o traxecto entre Muxía e A Coruña, adxudicado á empresa Arriva, só ofrece unha viaxe de 32 paradas de luns a venres ás seis da mañá, e outra de volta ás 15:00 horas con máis de 30 paradas que duran entre dúas horas e dúas horas e media; unha viaxe que percorre Camariñas, Laxe, Ponteceso e chega ata Buño.
Os sábados, este único traxecto chega a ir ata Malpica, ten 47 paradas e dura tres horas a viaxe, “converténdose nun auténtico tour turístico”. No caso dos domingos, só ofrecen dúas viaxes de ida e dúas de volta, pero cos mesmos itinerarios e paradas que os sábados.

No caso da conexión entre Muxía e Santiago, que foi adxudicado á empresa Monbús, existen 3 viaxes de luns a domingo, dúas delas duran 1 hora e 45 minutos, con máis de 30 paradas; e a outra 3 horas, dado que antes de dirixirse a Santiago pasa por Fisterra.

Por iso, o  deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar no Parlamento galego varias iniciativas nas que demanda á Xunta que incorpore na rede de transporte público unha ruta de autobús diaria de ida e volta directa entre Muxía con Santiago de Compostela e A Coruña, cunha duración non superior á hora e media. 

Desde o BNG sinalaron que “as rutas e horarios publicadas polas empresas adxudicatarias - Monbús a Santiago e Arriva á Coruña -, para levar a cabo ditos traxectos, están moi lonxe do que os veciños e veciñas da comarca demandan, que non é outra cousa que polo menos a existencia de rutas diarias e máis directas ás citadas cidades. 


Oscar Insua manifestou que “se a oferta de transporte público non é boa, a xente acaba utilizando o vehículo particular;  outros optan directamente por asentarse nas cidades, porque teñen mellores servizos”.