A praia de Nemiña, mergullada nunha "sopa de contaminación" por mor dos temporais

Antes e despois da limpeza de Mar de Fabula en Nemiña

Nin a chuvia impediu ao voluntariado de Mar de Fábula saír a limpar a praia de Nemiña. 21 persoas desafiaron o orballo, para peitear unha pequena parte da praia, a da zona norte, xa que o lixo acumulado fixo imposible que puidesen ampliar máis (o vindeiro sábado intentarán facer quedada no lado de Lires)

A praia de Nemiña, unha das xoias da Costa da Morte, berce do surf, semellaba ser onte a "praia dos microplásticos". Entre pellets, moi probablemente procedentes a maioría da xa esquecida perda do buque "Toconao" e anaquiños de plásticos que nalgún tempo formaron parte dun todo, as diferentes liñas da marea eran unha "sopa de contaminación", "vómitos do mar ante a inxesta plástica desorbitante á que lle sometemos", relatan dende o colectivo, despois de apañar o lixo máis grande, en total 795 kg.

"O lixo pequeno e micro non fomos capaces de abarcar cos nosos medios", recoñecen ao tempo que "fan unha chamada de axuda á Medioambiente da Xunta de Galicia (con cuxos axentes ambientais coincidimos na xornada). Nós, facemos a nosa parte, pero o mar é de todxs e o problema da sua saúde tamén".