Ramón Vilela Martínez será o pregoeiro da XVIII edición das Rutas do Mar de Muxía
O Concello de Muxía anuncia que Ramón Vilela Martínez será o encargado de pronunciar o pregón inaugural da XVIII edición das Rutas do Mar de Muxía, un dos eventos máis destacados do verán no municipio, que dará comezo o vindeiro sábado ás 12:00 horas no Cabo da Vila.
Nado en Muxía no ano 1961, Ramón Vilela Martínez representa como poucas persoas a esencia mariñeira da vila. Procedente dunha familia vinculada ao mar, dedicou toda a súa vida á pesca. Comezou traballando nos barcos do seu pai e do seu socio, Os Ramóns e O Pirata, e desde o ano 1997 exerceu como percebeiro, profesión que desempeñou ata a súa xubilación no ano 2020.
Home de carácter, directo e auténtico, Ramón é desas persoas que nunca agochan o que pensan e que sempre levaron por bandeira a honestidade e o orgullo de ser de Muxía. Presume de tres cousas por enriba de todo: da súa familia, especialmente das súas fillas Rosalía e Irea; de ser amigo dos seus amigos; e de ter nacido en Muxía.
Aínda que xa está retirado, o mar continúa ocupando un lugar central na súa vida. Cada mañá comeza o día contemplando a Ría de Muxía e remátao coa mesma paisaxe diante dos ollos, unha imaxe que resume toda unha vida ligada ao mar.
A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou que "Ramón é o pregoeiro perfecto porque representa exactamente a identidade de Muxía. É un mariñeiro de toda a vida, un home que coñece o mar como poucos, bo mariñeiro, bo veciño e bo compañeiro. A súa traxectoria é tamén a historia de moitas familias muxiás que viviron sempre mirando ao mar".
Vilela sinalou ademais que "o pregón será o pistoletazo de saída dun Mercado das Rutas do Mar que este ano contará cun número récord de participantes. Haberá música en directo, gastronomía, artesanía e actividades durante toda a fin de semana para seguir facendo desta cita unha referencia do verán en Galicia".
Como novidade desta edición, a tradicional degustación gastronómica incorporarará tamén rodaballo, ademais do habitual peixe espada, grazas á colaboración de Stolt Sea Farm.
"Queremos agradecer a Stolt Sea Farm este xesto coa nosa festa. A piscifactoría de Merexo tamén forma parte de Muxía e do noso vínculo co mar. O mar non é só o que vemos desde a costa, tamén é o emprego, a innovación e as empresas que seguen apostando polo noso concello, e por iso era importante contar con eles nesta edición", engadiu a concelleira.
Pola súa banda, o alcalde, Javier Sar, convidou a toda a cidadanía a participar nas Rutas do Mar. "Queremos que Muxía volva ser durante esta fin de semana un punto de encontro para miles de persoas. As Rutas do Mar son unha celebración da nosa identidade, da nosa cultura e da nosa gastronomía. Agardamos que veciños e visitantes desfruten dunha programación pensada para todos e descubran todo o que Muxía ten para ofrecer".
A programación culminará o domingo coa tradicional degustación gratuíta de peixe espada e rodaballo, unha cita gastronómica que cada ano reúne a centos de persoas e que nesta edición incorpora, como novidade, o rodaballo grazas á colaboración de Stolt Sea Farm. Como broche de ouro á XVIII edición das Rutas do Mar, o público poderá gozar do concerto de Luar na Lubre, unha das formacións máis emblemáticas da música galega, que será a encargada de poñer o peche a unha fin de semana na que Muxía volverá converterse nun referente da cultura mariñeira, da gastronomía e da artesanía.