Sarah Barrientos, a estadounidense que leva o encaixe dende Vimianzo a todo o mundo
Natural dos EEUU, Sarah Barrientos leva xa 9 anos en Vimianzo (xa é española), e está conseguindo levar o encaixe de Camariñas por todo o planeta. A súa conta ten máis de 330.000 siareiros entre TikTok, YouTube e Instagram, e ten realizado directos de Youtube con máis de 750.000 espectadores, dando conta do inmenso interese que xenera o encaixe por todo o mundo.
Coñeceu ao seu marido, natural de Muxía, en Francia, facendo o camiño, e despois de varios anos vivindo nos Países Baixos, volveron para a Costa da Morte. Deixou atrás os seus anos de profesora e xa leva anos na nosa terra, rescatando a súa faceta máis artística.
Dende sempre fai pintura, xoiería, ou tecido exipcio, unha das súas especialidades, pero dende hai 4 anos concéntrase no encaixe. ”Eu xa coñecía o encaixe de bolillos antes, pero non tiña a oportunidade de aprendelo. Asitín a un curso do Concello hai 4 anos que impartía a palilleira Mercedes de Carnés, e quedei obsesionada dende a primeira clase”, recoñece. “Aprendín das miñas veciñas, que todas saben facer, porque quería aprender máis e máis. E mesmo asistín a clases de outros países Eslovaquia, Rep. Checa, Inglaterra e EEUU”, explica con fachenda en castelán e galego, a súa terceira e cuarta lingua. “O que fan as palilleiras é fascinante”, conta sinalando que non moitas das súas veciña, felices de ver que xente de fóra apreza a súa arte, saben que leva o encaixe a medio mundo a través das redes.
Fíxose viral hai varios anos en tiktok recibindo millóns de visitas, e dende esa fai directos (a xente quedan interesandísima e nos directos mesmo responde preguntas) e tutoriais en inglés, en francés e “agora estou aprendendo en galego”. “Gústame porque é unha comunidade artística global na que podemos aprender todas de forma gratuita”. “Hai moitísimo interese neste tipo de artesanías de millóns de persoas en todo o mundo. A xente quédase marabillada e quere saber máis”, relata.
Actualmente imparto clases para todo o mundo a través das redes, pero tamén está facendo sesións presenciais en Galicia. Xa ten participado en demostracións no Castelo de Vimianzo coas Amigas do Liño, e en agosto comezará a dar clases de tecido exipcio de Fios de Ouro en Vigo (poden inscribirse aquí). Ademais, na segunda semana de xullo estará como artista residente amosando o tecido exipcio e o seu encaixe na mostra que manterá o Camping Lago Mar de Merexo.