150 deportistas dos clubs galegos de salvamento participarán no pioneiro Memorial Carlos Servando

A presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodríguez; o alcalde, Daniel Pérez; o novo concelleiro de Deporte, Daniel Barreiro e o presidente do Sysca, Marcos Puñal na presentación do Memorial

 

O Memorial Carlos Servando, que celebrou a súa primeira edición no ano 1992, é o evento pioneiro do salvamento deportivo en Galicia. Este sábado 25, a piscina do complexo deportivo Carballo Calero acollerá unha nova edición, coa participación de 150 deportistas que representan a práctica totalidade dos clubs galegos. A competición coincidirá de novo co Campionato galego de distancias curtas, o que significa que o espectáculo está servido.

Daniel Barreiro destacou que a lonxevidade do Memorial Carlos Servando “fala ben do traballo que fai o Sysca dentro da piscina e fóra. Dentro da piscina estámolo vendo cos resultados que obteñen os deportistas, pero manter unha proba deste tipo durante vinte e nove anos reflicte un bo traballo, e xa é un referente dentro do calendario deportivo carballés”. O concelleiro de Deporte destacou o impacto social e económico “que teñen estes eventos no concello” e reiterou o apoio municipal ao asociacionismo deportivo para que siga a gozar da excelente saúde que ten.

O Memorial Carlos Servando, como explica o propio Sysca, “foi a primeira proba de salvamento que se celebrou na comunidade galega. Naceu dous anos despois da creación do club Sysca, no que militaban os socorristas que coidaban e vixiaban os bañistas da praia de Razo. Entre este grande grupo de profesionais e amigos estaba Carlos Servando, o cal faleceu traxicamente nun accidente de tráfico. Ante esta circunstancia, os seus compañeiros quixeron renderlle homenaxe realizando un evento que, logo de moitos anos, segue a ter gran recoñecemento”.

Mostra dese recoñecemento é a alta participación que ten cada ano. Dos 150 participantes, polo menos 35 serán carballeses, “e esperamos ir polo campionato”, anunciou o presidente do Sysca. Para que o público poida seguir o campionato o máis comodamente posible está previsto instalar unha grada supletoria. Marcos Puñal animou á veciñanza a acudir, porque “é un campionato moi bonito de ver, chama moito a atención. Se a xente de Carballo quere ver un espectáculo, que veña á piscina o sábado”.