A Atlantic Paracycling Challenge coloca á Laracha e Carballo no foco do deporte adaptado internacional

No acto participaron deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes da localidade, Patricia Bello, a concelleira Inés Ramos e representantes do Club Ciclista Riazor, entidade organizadora da proba.

Tivo lugar onte na Laracha a presentación do Atlantic Paracycling Challenge, unha competición internacional de ciclismo adaptado que se celebrará os días 27 e 28 de xuño e que converterá A Laracha e Carballo nun dos grandes focos do paraciclismo europeo.

A proba, puntuable para o ranking internacional, conta xa con 50 atletas inscritos de numerosas nacionalidades nas modalidades de handbike, triciclo, tándem e bicicleta, tanto masculinas como femininas,.

A actividade comezará oficialmente o venres 26 de xuño coa confirmación de inscricións, a recollida de dorsais e a reunión técnica no Tempo Training & Social Center da Laracha. O sábado 27 disputarase a proba en ruta nun circuíto de 8,23 quilómetros na Laracha, con saídas diferenciadas por categorías. O domingo 28 celebrarase a contrarreloxo individual, con saída neutralizada desde a praza do Concello da Laracha e competición en Carballo, antes da entrega final de premios na Laracha.

Esta competición “responde a unha maneira de entender o deporte como forma de inclusión, superación e igualdade de oportunidades” sinalaron, destacando que o paraciclismo é deporte de máximo nivel, pero tamén é unha mensaxe moi potente para a sociedade: a de que o esforzo, o talento e a capacidade competitiva non entenden de barreiras.